Nota de Prensa del SERGAS

Share

O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE VALORA POSITIVAMENTE A DESCONVOCATORIA DA FOLGA NOS SERVIZOS DE URXENCIAS DOS HOSPITAIS PREVISTA PARA A VINDEIRA SEMANA

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2006.- O Servizo Galego de Saúde valora positivamente a desconvocatoria da folga nos Servizos de Urxencias dos hospitais prevista para os vindeiros días 11, 12 e 13 de decembro asinada polo sindicato O-Mega. O Servizo Galego de Saúde non mantivo ningunha reunión nin negociación con esta entidade, que non conta coa representatividade mínima necesaria para participar na Mesa Sectorial de Sanidade. A decisión do sindicato foi unilateral.

A Mesa Sectorial é o único órgano lexitimado para negociar as medidas de mellora das condicións de traballo dos profesionais que prestan servizo nos dispositivos de urxencias dos hospitais públicos galegos. Por iso, o pasado 21 de novembro, o Servizo Galego de Saúde presentou neste foro de negociación unha proposta concreta para a mellora das condicións retributivas, de traballo, e de xornada para todo o colectivo de médicos de urxencias de Galicia.

Así, a desconvocatoria foi realizada de forma unilateral por O-Mega sen se celebrar ningunha reunión nin negociación.

Nas últimas semanas, o Servizo Galego de Saúde está a constatar que unha ampla maioría dos médicos de urxencias dos hospitais públicos galegos apoian as medidas de mellora que a Sanidade Pública galega propuxo ás organizacións sectoriais representativas. Precisamente estes sindicatos tamén manifestaron o seu apoio unánime a estas medidas.

O Servizo Galego de Saúde entende que a desconvocatoria desta folga reconduce á adopción de medidas que permitirán mellorías profesionais do colectivo de médicos de urxencias ao seu propio e axeitado ámbito de negociación, a Mesa Sectorial, no que o Servizo Galego de Saúde mantén un diálogo constante coas organizacións sindicais representativas.

http://www.sergas.es/gal/noticias/noticia.asp?noticia=1843